Roubar o sol

Xosé Luís Mendez Ferrín


No solsticio de inverno, o sol morreu sobre o olimpo neolítico de San Cibrao de Pondentes e bailou nos dolmens, no sitio exacto que os cálculos matemáticos de Xosé Benito Reza tiñan determinado, do mesmo modo que alumaba as profundidades das cámaras secretas de outors mil megalitos de Europa. Tamén alí arriba se peiteou a moura con pente de ouro. As valgadas de Celanova enchéranse de densos neboeiros que se esfarrapaban contra as alturas. Vilaboa dos Infantes, sobre cuxo torreón feudal pairaban duas aves como un emblema heráldico; o Furrido soturno; o castro de Verredo que ainda pide guerra. Castromao, logo, púxose de negro e una corea vermella prefillouno e cegounos. Todos os homes do pasado quiseran apoderarse do sol, roubar a luz, ser donos da enerxia.

Prometeu, fillo de Xaper de Climene formou os primeiros homes e mulleres de terra e auga; subiu ao ceo co concurso de Palas e roubou o fogo para os animar. Xupiter, ou que diga Larouco, encolerizado por tal feiro, mandoulle a Mercurio que o encadease no monte Cáucaso, onde unha aguia lle comía no figado a medida que este renacía. O suplicio durou até o ponto en que Hércules chegou para libertalo. Así nos contan a historia Hesiodo, Ovidio e Horacio.

Tamen Lodeiro é Prometeu. Pillou a luz e engaiolouna nos lenzos, sen domesticala. Fixo que cegáramos abraiados igual que o primitivo irlandés de Newgrange se conmovera de terror relixioso, cando no intre marcado polos sacerdotes, o sol situaba a súa raiola no lugar preciso, deixándose someter pola razón humana. Se cadra todos celebramos estes días, sen o sabermos, o solsticio de inverno e festexamos aos xenios anónimos que souberon determinar a súa chegada, acorde cos números, e roubo do segredo da armonía sideral. Por algunha causa, ao mellor acordada coa música celestial, Xosé Lodeiro ofrécenos o seu botín de luz, a súa predación do lume, o producto da súa conquista única nos días invernais do solsticio. Lodeiro amosábanos a crónica de 15 anos de traballo prometeico. Tamén os seus últimos efidicios de esprito, rigurosos como Modrian, cegadores coma ninguén no mundo. Coma nada no mundo.

Vigo ten o privilexio de que nela vive e alente o xenio criador de Xosé Lodeiro. Toda, absolutamente todo o seu deicidido, a súa plástica blasfema, naceu eiquí, se cadra no Paseo de Alfonso: cando o sol morre por tras das Illas dos Deuses. O que en Lugrís era lámina do corazón e en Manuel Antonio boceto da totalidade (a fabrica dos dous aséntase na "acera volada"), en Lodeiro é incendio. No toquedes os seus cadros, abrasan. No vos expoñades a eles durante moito tempo, corredes o risco de soñar pola noite en espacios vougos, en desertos planetarios, en cidades sen atmósfera, en labirintos infinitos, na expiral eterna.

Ás veces, un artista soporta sobre o seu lombo todo o peso dunha época convulsa e ruín, marcándolle aos humanos o lugar da esperanza. Isto ocórrelle a Lodeiro, no que vexo todo o horror deste tempo de catástrofe e de imperio da Besta e dominio da Babilonia mercantil.

O seu xesto solitario, o seu aceno enerxético, vennos indicar, así e todo, que un home coma nós e capaz de erguerse contra a tebra e de roubar o sol.

Xosé Luís Mendez Ferrín